A LENDA DA POZA DA MOURA
En tempos remotos vivíu no lugar unha fermosa moza, muller de cabelos longos e loiros que se peiteaba cun peite de ouro. Polo serán sumerxíase na poza e emerxía ao día seguinte para sentarse na laxe e cantaba unhas melodiosas cantigas.
Polo mediodía asollaba o millo recollido que se convertía en ouro. Certo día cando os mozos baixaban cos rebaños, unha cabra acercouse para comer o millo. A moura para espantar ao animal tiroulle o peite de ouro, que recolleu o zagal. A moza correu tras del para recuperalo, cousa que non foi capaz. Logo díxolle, "anda rapaz, que levas peite para os teus fillos, netos, bisnetos e tataranetos".
Houbo outro mozo que prendado da moura prometeulle o que fora para desencantala. A moura seica lle dixo:
- Se queres desencantarme debes ser valente, e vexas o que vexas ou oias o que oias, non te asustes. Quédate e axúdame.
Así o fixo, pero o rapaz nas primeiras probas, ao ver rodando ata el unhas rodas de muíño, asustouse e fuxiu, evitando así o desencanto.
Lendas de Moaña, Xosé C.Villaverde
Hai moitas e diferentes lendas sobre a poza da moura aquí recollo esta do libro Lendas de Moaña, no que podedes atopar lendas de diferentes zonas de Moaña e distintas versións.
EXERCICIO 1: Explica que é unha lenda.
EXERCICIO 2: Resume a lenda da poza da moura en 5 liñas.
EXERCICIO 3: Investiga e conta outra lenda de Moaña.
EXERCICIO 4: Explica o significado das seguintes palabras ou expresións:
- Moura
- Laxe
- Laxe
- "Asollar o millo"
- Zagal
- "Prendado da moura"
- "Levas peite para os teus fillos, netos, bisnetos e tataranetos"
EXERCICIO 5: En que parroquia de Moaña se desenvolve esta lenda?, Que é unha parroquia?, Cantas parroquias hai en Moaña?, Cales son? Sitúa nun mapa de Moaña as súas parroquias.
EXERCICIO 6: Busca no texto unha palabra de cada tipo e analiza; artigo, substantivo, verbo, e adxectivo.
EXERCICIO 7: Que é unha poza? como se forma? cita as partes dun río, que construcións podemos atopar preto dos ríos, para que se utilizan?, como funcionan?, porque se sitúan aí?
EXERCICIO 8: En tempos remotos, así comeza a lenda, investiga cal é a construción máis antiga (resto ou elemento histórico) que temos en Moaña, a que ano se remonta?, de que época histórica?, fai unha breve exposición explicando que é a construción e describindo as características da época a que pertence, citan algunha outra da mesma época se é que hai.
EXERCICIO 9: Supoñamos que a fervenza da Poza da Moura bota uns 78 litros por minuto e capacidade da poza é de 634.743 litros, se estivera valeira... cantas horas tardaría en encherse?
EXERCICIO 10: Crear un collage que teña como tema "As mouras".
EXERCICIO 11: Coñecías algunha lenda antes de ler esta? e a túa familia coñecía máis ou menos lendas ca ti? que pensas sobre as lendas? cres que se están a perder? por que?
Ningún comentario:
Publicar un comentario